07/04/10

Canta, oh Musa...

Ola a todos! Antes de comezar pidámoslles ás Musas que inspiren o noso canto, pois sen a inspiración o poeta é un simple mortal.

Eu son CLÍO, a Musa da Historia e da poesía heroica. Son filla de Zeus e Mnemosyne, polo tanto, neta de Urano e Xea. Din que teño oito irmás:
"Ela deu a luz a nove fillas de iguais pensamentos, afeccionadas ao canto e de corazón ledo, preto do máis alto cumio do nevado Olimpo" (Hesíodo, "Teogonía").
As nove movémonos entre o Olimpo, onde somos chamadas a miudo por Zeus para aledar as súas festas, e o monte Helicón, onde formamos fermosos coros e percorremos os seus ríos e vales. Tamén estamos ligadas a Apolo, deus da música, que dirixe no Monte Parnaso o noso coro.
Din que introducin o alfabeto fenicio en Grecia, e que teño un fillo, chamado Xacinto, compañeiro de Apolo.
Hoxe quérovos contar un mito sobre min e as miñas irmás.
O rei Píero de Pieria, en Tracia, tiña nove fillas que eran moi hábiles na arte do canto. Estaban tan orgullosas desta virtude que decidiron viaxar ata o Helicón e retar ás musas a unha competición, que as deusas aceptaron. Mais non esquezades que retar aos deuses era considerado "hybris" e os deuses castigaban sempre estes retos: contra a "hybris"(arrogancia, traspasar os límites) sempre actuaba a "nemesis" (a vinganza).
Pois ben, as piérides entonaron unha canción marabillosa que fixo enmudecer mesmo aos paxaros. Pero o canto das musas conmoveu ata as pedras. As piérides, derrotadas, foron castigadas pola súa arrogancia; as musas transformáronas en pegas, cambiando as súas voces por grallos.