29/01/10

O PIRATA STEORTEBEKER

O MUSEO DE HISTORIA DE HAMBURGO OFRECE UNHA SUMA DE DIÑEIRO PARA DAR CO PARADOIRO DO CRANIO DO PIRATA STOERTEBEKER, ROUBADO O PASADO DÍA 9 DE XANEIRO DE 2010.
Chámome STEORTEBEKER e fun o pirata alemán maís importante da Idade Media. Pertenzo aos Vitalienbrüder ("Irmáns das vituallas"), unha das bandas máis poderosas da pirataría do norte a finais do s. XIV. Chámannos piratas hanseáticos porque antes pertencimos á HANSA, federación de comerciantes marítimos de setenta cidades que vixiaba os mares e velaba pola seguridade do comercio fronte a piratas escandinavos, alemáns e británicos. Desertamos da Hansa e pasamos á pirataría por ser unha actividade moito máis lucrativa. Como coñecíamos ben a forma de actuar da Hansa e as súas rutas, saqueamos Wisby, a cidade sede desta organización e capturamos as principais autoridades e comerciantes, polos que esiximos un suculento rescate. Pero en 1402, a frota de Hamburgo venceunos en mar aberto. Fun capturado e executado xunto a 30 dos meus compañeiros. As nosas cabezas foron colgadas en estacas á entrada do porto de Hamburgo para que servise de escarmento a outros piratas.
O meu cranio foi atopado en 1878 e desde 1922 era exhibido no Museo de Historia de Hamburgo, xunto á reconstrución do meu rostro.
Se queredes saber máis sobre piratas de todos os tempos, premede AQUI e AQUI.

25/01/10

OLLO COAS PIRATAS!


Ben certo é que Polícrates foi o pirata máis antigo de tódolos tempos pero, quen foi a pirata máis antiga de todas? Pois fun eu, Artemisa de Halicarnaso.
Non é moita a xente que me coñece; porén fun moi importante para a historia da humanidade, pero máis vale comezar polo principio.
Puxéronme o meu nome en honor de Artemisa, deusa grega da caza, e convertinme en raíña consorte de Halicarnaso no 500 a.C., estado grego da actual Turquía tras casarme co rei, mais, trala súa morte, fun eu a gobernadora suprema da cidade. Baixo o meu goberno as miñas naves atacaron e saquearon as das outras polis gregas e ademais, covertínme tamén en conselleira de Xerxes, o rei de Persia. Aconselleille que non se enfrontase cos gregos nunha batalla naval, pero, talvez por ser muller, non me fixo caso. Deste xeito, ao redor do 20 de setembro do 480 a.C., librouse a batalla que me faría importante, a batalla naval de Salamina. Vinme atrapada no fragor da loita e arremetín contra un trirreme grego e fuxín. Os gregos gañaron a batalla pero tanto eles como os persas creron que eu estaba da súa parte. Despois diso volvín á pirataría e a recompensa para quen me capturase ascendía a dez mil dracmas, que xa lle eran cartos para aquela época!
Nicolás González (2º ESO A)

23/01/10

QUE VEÑEN OS VIKINGOS!


Tras a caída do Imperio Romano, o tráfico comercial no Mar Mediterráneo diminúe, pasando a ser as únicas riquezas luras e abadexos. Nesta situación, naturalmente, desaparecen os piratas.

Porén, no Mar do Norte, mar de augas frías que baña as costas de Francia e Inglaterra, irrompen de súpeto os vikingos (=homes da baía). Trátase de noruegueses e daneses que, debido a loitas internas da aristocracia dos seus países, se ven obrigados a buscar novos territorios e, consecuentemente, botíns. Atacan as costas de Inglaterra, Irlanda, illas do Mar do Norte e Francia, desde finais do século VIII ata principios do XI. Os seus barcos (drakkar) son pequenos, de non máis de 20 metros, e estan rematados en puntas por ambos extremos. Aínda que contan cunha vela, normalmente son impulsados pola forza de dúas ringleiras de remeiros, capaces, dado o escaso peso destes navíos, de transportalos sobre os seus ombros sempre que a situación o requerise.
A partir de mediados do s. IX os ataques, saqueos e secuestros deixan paso a loitas máis organizadas, tendentes a conseguir asentamentos nas illas (os noruegueses) e no continente e Inglaterra (os daneses)
Como despedida preséntovos aos vikingos máis famosos:
O danés RAGNAR, que diezmou as forzas francesas xunto ao río Sena.
O noruegués ERIK O ROXO, que colonizou Groenlandia.
O islandés LEIF ERIKSSON O AFORTUNADO, fillo de ERIK, autor do primeiro asentamento europeo en América do Norte, 500 anos antes que Colón.
CANUTO O GRANDE, rei de Dinamarca, que someteu todo o Leste de Inglaterra.,
HARALD HAARDRADE O DESPIADADO, considerado o último vikingo.
SE QUEREDES SABER MÁIS PREMEDE AQUI E AQUI

SEXTO POMPEIO

Son Sexto Pompeio, famoso pirata romano de finais da República (s. I a.C.). Paradóxicamente, son fillo dun dos máis importantes xenerais de Roma, Pompeio o Grande, que ademais uns anos antes fora encargado de acabar coa pirataría. Fun dono dos mares e proclameime "fillo de Neptuno", de aí que na moeda apareza o tridente. Asolei as costas romanas durante moito tempo, interrompendo o comercio e desorganizando os negocios da República. Desta maneira obrigueilles a asinar un tratado polo que obtiven a soberanía de Sicilia, Córcega, Cerdeña e Acaia, coa condición de poñer fin ás miñas prácticas de pirataría e fornecer de trigo a Roma. Mais como seguin asaltando barcos e atacando cidades, enviaron contra min ao comandante Agripa (lugartenente de Augusto), que me derrotou na batalla de Nauloco no ano 36 a.C. Fuxin cara a Oriente pero fun capturado en Mileto por un dos secuaces de Marco Antonio.
Proclamo que a miña morte foi un acto indigno pois executáronme sen xuízo, a min, a un cidadán romano. ISO FOI ILEGAL!

20/01/10

O PIRATA POLÍCRATES


Preséntome. Chámome POLÍCRATES e son o pirata máis importante da antigüidade. Nacín en Samos, unha pequena illa grega do Mar Exeo, preto de Mileto, nas costas de Asia Menor. A miña vida transcorreu no século VI a.C. Grazas a saqueos e botíns fíxenme dono dunha frota de máis de cen naves e, mesmo, cheguei a ser tirano da illa. Coa fortuna dos tributos cobrados aos barcos que transitaban ou comerciaban na rexión, conseguin embelecer a miña cidade coas obras dos mellores arquitectos e escultores. Preocupeime das artes e das ciencias e cheguei a convocar aos mellores intelectuais da época, como Anacreonte a quen nomeei poeta da miña corte e permaneceu ao meu servizo ata que a illa caeu en mans dos persas. Porén, algúns non estaban de acordo co meu goberno e tiveron que abandonar Samos. Este foi o caso do filósofo e matemático Pitágoras.
Pero no ano 515 a.C. o persa Oroetes, gobernador de Lidia, intentou conquistar Samos. Como non puido, fíxome crer que quería entrevistarse conmigo nunha zona neutral. Fun un inxenuo! Oroetes apresoume e mandoume crucificar. Así termina a miña vida de pirata e tirano de Samos. Pero a pirataría continuará e axiña teredes a outros piratas que vos contarán as súas aventuras.

Se queredes saber máis sobre min ou sobre outros piratas, déixovos estes enlaces. Espero que vos gusten:

VENTO EN POPA A TODA VELA


Onte, martes 19 de xaneiro, tivemos a 2ª reunión do noso club. Falamos do libro "A illa do tesouro" que algúns, por certo, non poidemos acabar de ler. A opinión maioritaria foi que é demasiado descritivo e faise pesado.
Pero o noso barco vai seguir navegando nas procelosas augas da piratería. Quen son estes personaxes? Como, onde e por que xurdiron? Cales foron os máis famosos e que aventuras viviron? En fin, que despois desta navegación seremos auténticos expertos na materia.
Propuxemos, ademais, estes libros que nos gustan e queremos ler:
  • La isla perdida
  • La emperatriz de los etéreos
  • No pidas sardina fuera de temporada
  • Cartas de inverno
  • La canción de Hannah
  • O único que queda é o amor
  • Dos arquivos do trasno
  • La vida es sueño
  • Escuela de frikis
  • As confesións de Carlota Doyle
  • Xenaro e o misterio da mochila verde

Tras falar sobre eles e manifestar as nosas preferencias, reducimos a lista a tres, Escuela de frikis, As confesións de Carlota Doyle e La canción de Hannah.

O próximo martes decidiremos. Mentres déixovos coa primeira entrega das historias de piratas.



19/01/10



Atopamos este blogue con información sobre outros clubs de lectura


e este outro con información sobre intercambio de préstamos de libros entre clubs de lectura

http://librosaeito.blogspot.com/