07/04/10

Canta, oh Musa...

Ola a todos! Antes de comezar pidámoslles ás Musas que inspiren o noso canto, pois sen a inspiración o poeta é un simple mortal.

Eu son CLÍO, a Musa da Historia e da poesía heroica. Son filla de Zeus e Mnemosyne, polo tanto, neta de Urano e Xea. Din que teño oito irmás:
"Ela deu a luz a nove fillas de iguais pensamentos, afeccionadas ao canto e de corazón ledo, preto do máis alto cumio do nevado Olimpo" (Hesíodo, "Teogonía").
As nove movémonos entre o Olimpo, onde somos chamadas a miudo por Zeus para aledar as súas festas, e o monte Helicón, onde formamos fermosos coros e percorremos os seus ríos e vales. Tamén estamos ligadas a Apolo, deus da música, que dirixe no Monte Parnaso o noso coro.
Din que introducin o alfabeto fenicio en Grecia, e que teño un fillo, chamado Xacinto, compañeiro de Apolo.
Hoxe quérovos contar un mito sobre min e as miñas irmás.
O rei Píero de Pieria, en Tracia, tiña nove fillas que eran moi hábiles na arte do canto. Estaban tan orgullosas desta virtude que decidiron viaxar ata o Helicón e retar ás musas a unha competición, que as deusas aceptaron. Mais non esquezades que retar aos deuses era considerado "hybris" e os deuses castigaban sempre estes retos: contra a "hybris"(arrogancia, traspasar os límites) sempre actuaba a "nemesis" (a vinganza).
Pois ben, as piérides entonaron unha canción marabillosa que fixo enmudecer mesmo aos paxaros. Pero o canto das musas conmoveu ata as pedras. As piérides, derrotadas, foron castigadas pola súa arrogancia; as musas transformáronas en pegas, cambiando as súas voces por grallos.

16/03/10

POR QUE NON LEN OS RAPACES DE HOXE?


Hoxe martes 16 volvémonos reunir para comentar o libro que estamos lendo no club de lectura, As confesións de Carlota Doyle. En xeral parece que gusta, así que imos esperar para dar un pouco máis de tempo aos "descolgados" e deixar a Semana Santa para que o acaben e non poñan disculpas.
Mentres, quedamos en ler e comentar un artigo escrito por un rapaz de 1º de Bacharelato doutro centro e que chegou ás nosas mans. O tema, "por que non len os nenos de hoxe?", semella interesante. Collede as fotocopias en reprografía e......A OPINAR! Espero que este blogue sexa nos próximos días un fervedoiro de comentarios.
Por certo, a imaxe do barco foi elixida por dúas razóns. A primeira é que lembrei o barco de Carlota, e a segunda é a proposta de ler para despois de Semana Santa contos curtos relacionados con Grecia, para participar tamén nós, como club de lectura, na SEMANA DE GRECIA.
Pois, vexamos quén é o primeiro que averigua qué conto (ou narración) se agocha detrás desta imaxe.